viernes, 13 de junio de 2008

MORTADELO Y FILEMON




Uns clásicos do TBO para finalizar cos nosos alumnos de 1º e 2º da ESO as actividades do club de lectura. Accede á páxina oficial de: Mortadelo e Filemon.

miércoles, 21 de mayo de 2008




















As aventuras de Tintín

Os contos de Tintín conteñen un divertido e entretido documento etnográfico, cargado de tópicos, no que se recrean os costumes e hábitos de todas aquelas culturas que resultaban, e aínda resultan, exóticas para a conciencia etnocéntrica europea, así como os principias fitos tecnolóxicos e as tensións políticas polas que atravesou Europa durante gran parte do século XX.
Independentemente dalgunhas controversias sobre a ideoloxía de fondo que esconden as historietas de Hergé, as aventuras de Tintín forman parte xa do mellor da historia do cómic e son un referente ineludible na educación de moitas xeracións de nenos e adolescentes de todo o mundo. Non en van están traducidas a máis de 50 idiomas e téñense vendido máis de 200 millóns de exemplares destes cómics.
Tintín é un reporteiro novo que, acompañado do seu leal can Milú, viaxa por todo o mundo tratando de evitar as inxustizas cometidas por malvados, tiranos e demais personaxes de dubidosa condición moral. Xunto con Milú, frecuentemente aparecen nos seus contos outros personaxes inesquecibles tales como o constantemente anoxado capitán Haddock, o profesor Tornasol, un científico despistado, e os detectives Hernández e Fernández, que nunca fan unha a dereitas
Hergé
Georges Remi, máis coñecido polo pseudónimo de Hergé, naceu en Bélxica o 22 de maio de 1907, morrendo no mesmo país en 1983. Dende moi pequeno amosou unha grande destreza para o debuxo, de xeito que a partir de 1922 empezou a publicar as primeiras viñetas ilustrando artigos na revista católica Le Boy Scout. En 1926 creou unha serie chamada Totor: Guía da Patrulla Hannetons, onde recrea as aventuras dun mozo scout que máis tarde se convertería no célebre reporteiro Tintín.

martes, 8 de abril de 2008

A obra de Robert L. Stevenson

A produción literaria de Stevenson é moi ampla e toca xéneros coma a narrativa, o ensaio e a poesía. Entre os heroes das súas novelas e relatos curtos figuran nenos ou adolescentes, piratas, asasinos…pero os máis memorables son nenos e viaxeiros, coma se desvalimento e viaxe fosen condicións indispensables para chegar á madurez. Os protagonistas xuvenís son, esencialmente, seres orfos, o que os fai dispoñibles e dispostos, fráxiles…pero só ó principio, pois chega un momento no que o orfo desvalido toma as rendas do seu destino. A Jim Hawkins, o protagonista de A illa doTesouro, sucédelle isto mesmo. O outro heroe da novela, John Silver, é ó mesmo tempo un criminal, é quen de traizoar ou salvar, de ser tan xeneroso coma cruel…A expedición a unha illa descoñecida ten como obxectivo a busca do mítico tesouro do capitán Flint. Intrigante novela de aventuras onde os heroes miden as súas forzas…


Ademais de A illa do Tesouro, Stevenson é autor de grandes novelas como A Frecha Negra, Secuestrado, Catriona e a moi coñecida O estraño caso do Dr. Jekyll e Mr.Hyde.

Robert Louis Stevenson

Stevenson, a quen de cativo chamaban familiarmente “Smout” (co significado de peixiño), foi enfermizo desde neno. Con todo, os seus problemas de pulmón non lle impediron viaxar por todo o mundo, ás veces mesmo forzado para buscar climas máis suaves e saudables.

O autor escocés naceu ás aforas de Edimburgo, na cidade nova, en 1850. Unha das persoas que máis influirían nel foi a enfermeira que o coidaba, “Cummy”, pois ela alimentou a súa imaxinación contándolle historias da Biblia e da historia escocesa. O neno Stevenson probou sorte seguindo os pasos do seu pai e avó, pero a enxeñería non estaba feita para el. Tampouco a avogacía, pois rematou a carreira pero nunca exerceu. En realidade, sempre desafiou as convencións da sociedade de clase media de Edimburgo. Mesmo se conta como marchou á cidade vella co seu abrigo de veludo buscando os ambientes bohemios e a aventura. Stevenson dicía que tiña outros plans para a súa carreira, que quería ser escritor, como así foi.

Falando de bohemia, dise que un dos lugares onde máis feliz se sentiu foi a colonia de Grez, en Francia. Ademais, alí coñeceu a súa futura muller, Fanny Vandegrift Osbourne, unha americana que viñera a Francia para estudar e fuxindo dun matrimonio infeliz. A Stevenson custoulle un pouco convencela para casar con el, pero á fin conseguiuno en 1880. Parece ser que, algo amoucado e sen esperanzas porque ela regresara ós Estados Unidos, Stevenson realizou en 1878 unha das súas viaxes memorables a través dos Cévennes do Macizo Central francés, acompañado unicamente do burro Modestine… Logo disto embarcouse cara a América para convencer a Fanny de que casasen. Desoíu os consellos dos amigos, que vían que viaxar alí non era bo para a súa saúde e temían que os seus pais descubrisen que en realidade non estaba en Londres. Así e todo, Fanny foi a súa muller e aportou á nova familia un fillo do seu anterior matrimonio. Curioso foi o destino da súa viaxe de lúa de mel: hospedáronse nunha cabana de mineiros abandonada en California. Toda unha aventura…

O autor escocés está enterrado nunha illa de Samoa, Vailima, onde pasou os últimos anos, tras mudar de residencia en moitas ocasións por motivos de saúde, e onde se implicou coa cultura e política locais. Os nativos da illa chamábanlle Tusitala (“o que conta contos”). Infelizmente, “Tusitala” deixou de viaxar coa imaxinación moi novo, pois morreu en 1890, con só 40 anos…

O neno do pixama a raias

Boyne narra nesta novela a historia dun neno de nove anos, Bruno, que en plena Segunda Guerra Mundial se traslada a vivir, xunto coa súa familia, ao campo de concentración de Auschwitz. Pero el non é un preso xudeu máis, senón o fillo do comandante nazi do campo de concentración. Sen que ninguén o saiba, pois intúe que non sería do agrado dos seus pais, Bruno consegue trabar amizade cun neno xudeu da súa idade que, inexplicablemente para el, sempre está vestido cun sucio pixama a raias. El e máis Shmuel, así se chama o seu novo amigo, vivirán unha “aventura” que nunca máis poderá esquecer o seu pai, o comandante nazi.

Unha perspectiva da barbarie nazi vista dende a mentalidade inocente dun preadolescente que non é consciente da traxedia que se desenvolve ó seu arredor. Todo o horror que supuxo a crueldade dos campos de concentración, centrados no exterminio dos xudeus, resulta aínda maior cando aparece como paisaxe de fondo na vida agradable e cotiá dunha familia “normal”.

Esta novela remove o corazón do lector: primeiro, polo aterrador do seu final e, segundo, porque nos lembra que a maldade humana nunca ten un rostro claramente identificable senón que se agocha detrás de todos nós

John Boyne





John Boyne naceu en Dublín, Irlanda, en 1971. Formouse no Trinity College e na Universidade de East Anglia, en Norwich. Autor doutras catro novelas —The Thief of Time, The Congress of Rough Riders, Crippen y Next of Kin—, O neno do pixama a raias supuxo a consecución dun éxito unánime en todos os países onde se publicou. Foi finalista dos premios Borders Original Voices y Ottakar’s Children’s Book Prize, e nomeada ao «Index on Censorship» Award, ao Premio Ungari Unicef e á Carnegie Medal. Miramax/Disney prepara unha longametraxe coa dirección de Mark Herman.