jueves, 10 de abril de 2014

Quen matou ao can?


Pois si. Xa vedes. Alguén matou un can. E a medianoite. Nesta ocasión necesitamos a vosa axuda para descubrir ao cruel asasino de  Wellington, o caniche da señora Shears. Que quen é esta señora? Pois a veciña de Christopher, o neno de 15 anos que vive en Swindon. Seguides sen entender? Pois  ides ter que ler O curioso incidente do can a medianoite para chegar ao fondo do asunto.

Agárdovos o 12 de maio na biblioteca para falar de todo isto…e máis!

Atopamos un tesouro

Simbad o Mariñeiro, o Paulo da historia, resultou ser un auténtico loitador, abofé! Pero non é o único, nin moito menos. Dentro do noso Club quedou claro que temos valentes valentes... Nesta vida realmente hai filibusteiros amolando por todas partes, conque mellor termos os ollos ben abertos!
O “tesouro” desta novela de Francisco Castro quedou gardado dentro de cada un de nós, pero simbolicamente degustámolo en forma de piruletas que atopamos agochadas nun cofre. Haivos cousas ben curiosas!
E agora, que toca?
 Disque esta é unha copia da rosa dos ventos da carta náutica de 1504 do navegante portugués Pedro Reinel. É a primeira rosa dos ventos coñecida que representa claramente a flor de lis como símbolo do norte. Se vos fixades, a rosa dos ventos é un círculo que ten marcados arredor os rumbos en que se divide a circunferencia do horizonte. Nas cartas de navegación represéntase por 32 rombos unidos por un extremo, mentres que o outro sinala o rumbo sobre o círculo do horizonte e sobre este sitúase a flor de lis coa que se representa o norte. Ademais, a rosa dos ventos pode ser un diagrama que representa a intensidade media do vento en diferentes sectores do círculo do horizonte.
O curso vai camiño do remate, así que agora imos gozar coa poesía. A lectura para o mes de maio será a antoloxía titulada La rosa de los vientos, que nos sinalará poeticamente todos os rumbos.
Estade atentos ao blog!

martes, 8 de abril de 2014

Xuntanza de ardalén

O luns xuntámonos para poñer en común as nosas experiencias sobre a novela gráfica Ardalén. O certo é que o libro gustounos moito. Por unha banda os debuxos son incríbles, cada viñeta é unha obra de arte que podería estar colgada na sala de calquera museo, e aos que nos gusta facer algúns garabatos co lápis de cando en vez, motivounos para aprender mellor a técnica.
Por outra banda, a historia. Falamos dos personaxes,  da curiosidade  das persoas da necesidade de coñecer o noso pasado, de onde vimos. Tamén falamos da enfermidade, da vellez, da realidade e a fantasía… Non fixemos máis que falar pero foi moi enriquecedor para todos e  xurdiron datos e situacións persoais que descoñeciamos uns doutros a pesar de levar tantos anos xuntos. 
Animamosvos a tod@s a que leades e disfrutedes como xa o fixemos nós.

viernes, 21 de marzo de 2014

Nova proposta para 4º: Ardalén

Nova proposta e novo xénero.
Como andades tan atarefados e dicides que nos tedes moito tempo propoñemosvos ler unha obra con Premio. Trátase da última novela gráfica de Miguelanxo Prado: Ardalén.
Como? Que non sabedes quen é? Seguro que se xogara ao futbol saberíadelo. Non o coñecedes tanto pero tamén é internacional. Non gañou a liga  pero é todo un campión. O pasado mes de outubro concedéuselle o premio nacional de cómic pola obra que nós imos ler. Pero non é un recén chegado. Ten unha larga carreira e amplo recoñecemento tras del e aínda que creades que non o coñecedes é o creador do Xabarín e doutros personaxes da serie Os vixiantes do camiño da televisión galega. Tamén foi o xefe de debuxantes da serie Men in black, traballou con Spielberg e durante catro temporadas creou máis de 1700 personaxes para esta serie de animación. Ademáis é dende 1998 o director do salón do cómic Viñetas desde o Atlántico que enche de superheroes  as rúas de A Coruña todos os veráns. A que agora xa non é tan descoñecido? Se vos gusta a novela gráfica non deixedes de visitar o seu blog Papeles dispersos. Vaivos encantar!
Sobre Ardalén non vos dicimos nada. Lédeo, saboreádelo e o 6 de abril... falamos!

martes, 18 de marzo de 2014

Neruda

    Por fin xuntámonos para falar de poesía. Para achegarnos máis ao autor e a súa intensa e interesante vida, cada un de nós buscou un dato concreto da mesma, aproveitando os medios dos que dispoñemos na biblioteca escolar. E botando man deses mesmos medios escoitamos como o cantante Alex Ubago recitaba o poema XX. Así decatámonos de ata que punto cambia un texto, neste caso un poema, segundo quen lle poña voz.
Como vos gustou, aquí vos deixo a Alejandro Sanz recitando outro poema de Neruda


viernes, 7 de marzo de 2014

Chamádeme Simbad

http://franciscocastro.blogaliza.org/files/2012/01/chamademe_simbad.jpgSabedes que é a lista de honra do IBBY? Pois estas siglas (The International Board on Books for Young People) refírense a unha selección bienal de libros de publicación recente nos países membros da Organización e nela destácanse os escritores, ilustradores e tradutores que os realizaron. A consecuencia máis directa é unha maior divulgación e máis traducións. Pois ben, Chamádeme Simbad foi incluída na lista de honra do IBBY no 2012. Trátase dunha novela xuvenil escrita desde o corazón do seu autor, Francisco Castro. Nela atoparemos aventura, si, pero sempre desde a tenrura ao tratar o tema da enfermidade. Tamén haberá a súa dose de crítica, humor, soños... Xa veredes como conseguides descifrar o verdadeiro significado dunha “palabra fea”...
Neste enlace podedes escoitar un fragmento da novela na voz do seu autor:
www.ivoox.com/chamademe-simbad-audio-mp3_rf_409556_1.html
E neste outro, sabedes que coñecida actriz lles pon voz ás primeiras páxinas? Escoitade: www.ivoox.com/primeiras-paxinas-chamademe-simbad-audios-mp3_rf_379435_1.html
Ademais, se ides ao blog de Francisco Castro, franciscocastro.blogaliza.org, podedes ver unha entrevista que lle realizaron sobre Chamádeme Simbad na TVG, no programa ZigZag Diario.
Xuntámonos o 3 de abril. Boa lectura a tod@s!!

jueves, 6 de marzo de 2014

A mansión dos Pampín

Moito xogo deu a interesante proposta gráfica de A mansión dos Pampín, de Miguelanxo Prado. Entre os diferentes temas que comentamos, un papel moi destacado tívoo o feísmo urbanístico. Ao fío desta cuestión e a xeito de entretido puzle, organizamos os anacos de casas e construcións galegas tal como nos gusta velas. Así, si!
A chave dos libros segue dando paso a novas historias...Estade atent@s ao blog para saber da próxima lectura!