miércoles, 21 de mayo de 2008




















As aventuras de Tintín

Os contos de Tintín conteñen un divertido e entretido documento etnográfico, cargado de tópicos, no que se recrean os costumes e hábitos de todas aquelas culturas que resultaban, e aínda resultan, exóticas para a conciencia etnocéntrica europea, así como os principias fitos tecnolóxicos e as tensións políticas polas que atravesou Europa durante gran parte do século XX.
Independentemente dalgunhas controversias sobre a ideoloxía de fondo que esconden as historietas de Hergé, as aventuras de Tintín forman parte xa do mellor da historia do cómic e son un referente ineludible na educación de moitas xeracións de nenos e adolescentes de todo o mundo. Non en van están traducidas a máis de 50 idiomas e téñense vendido máis de 200 millóns de exemplares destes cómics.
Tintín é un reporteiro novo que, acompañado do seu leal can Milú, viaxa por todo o mundo tratando de evitar as inxustizas cometidas por malvados, tiranos e demais personaxes de dubidosa condición moral. Xunto con Milú, frecuentemente aparecen nos seus contos outros personaxes inesquecibles tales como o constantemente anoxado capitán Haddock, o profesor Tornasol, un científico despistado, e os detectives Hernández e Fernández, que nunca fan unha a dereitas
Hergé
Georges Remi, máis coñecido polo pseudónimo de Hergé, naceu en Bélxica o 22 de maio de 1907, morrendo no mesmo país en 1983. Dende moi pequeno amosou unha grande destreza para o debuxo, de xeito que a partir de 1922 empezou a publicar as primeiras viñetas ilustrando artigos na revista católica Le Boy Scout. En 1926 creou unha serie chamada Totor: Guía da Patrulla Hannetons, onde recrea as aventuras dun mozo scout que máis tarde se convertería no célebre reporteiro Tintín.