viernes, 20 de junio de 2014

Fin de festa!

Coa fin de pechar esta singradura do Club, para o día 19 de xuño argallamos un xogo de pistas e probas relacionadas coas lecturas realizadas polos dous grupos de lectores. Foi unha actividade conxunta na que implicamos ao persoal de Secretaría, Conserxería, profesorado do centro... e mesmo saímos da Biblioteca para fixar o obxectivo das cámaras na antítese do feísmo urbanístico. Pasámolo moi ben tod@s xunt@s, tanto que o tempo fuxiu non sabemos por onde e case esquecemos facer unha foto de grupo. Grazas a Carla pola cesión do documento gráfico e grazas a tod@s por participar. 



 Boas lecturas e bo verán!!

miércoles, 11 de junio de 2014

Recitamos poesía... e divertímonos!

A reunión sobre a lectura de La rosa de los vientos, como sabedes, sufriu un aprazamento por cuestións de axenda dos integrantes do Coro que se desprazaron a Bélxica (vaia voces! e vaia premio que trouxeron!) e realizámola finalmente  o 15 de maio. 

Por sorte, propoñer esta antoloxía resultou un acerto e todos atopamos nela os nosos poemas favoritos. Iso si, a primeira tentativa de gravar estes textos recitados polos alumnos e alumnas do Club foi “misión imposible” pois a quen non lle daba por rir, ou vergoña, trabucábase... 
Fixamos o 5 de xuño para unha nova reunión exclusivamente para as gravacións e aquí tedes o resultado:




jueves, 29 de mayo de 2014

O curioso incidente do can a medianoite

Ao final, nin deixando máis tempo. Algúns de vós non lestes o libro. Así non vale!
A xuntanza fixémola igual pero non é o mesmo.  Só podiamos falar algúns e non moito porque non queriamos contarvos o final. Ademais o mellor do libro non é a historia en si senón como a vai contando Christopher, un adolescente moi intelixente con síndrome de Asperger. É incapaz de entender as expresións faciais e ten moitas dificultades para entender as relación humanas. Imaxinades como sería a vosa vida sen entender as caras que pon a xente?
O mellor de esta reunión foi ver como os que si lestes o libro animastes aos demais a acabalo. 
Xa non vos propoño ningunha lectura nova. A próxima xuntanza terémola o 19 de xuño. Xa case estaremos de vacacións. E como fin de festa convidámosvos a mercar libros para a biblioteca... e algo máis. Pero iso é ...

martes, 6 de mayo de 2014

Un pouco máis de tempo...

Aviso aos membros do club de lectura de 4º ESO. 
Sodes varios os que falastes comigo porque non vos deu tempo de ler o libro. Por esta razón, e, despois de falar con todos decidimos aprazar a xuntanza do 12 de maio ata o día 26.
Organizádevos, que así hai tempo para todo!

viernes, 11 de abril de 2014

La rosa de los vientos

http://pictures2.todocoleccion.net/tc/2009/07/12/14161006.jpgEn palabras de Luís García Montero: “La poesía siempre nace de una mirada porque los versos, las metáforas, los adjetivos precisos, las palabras mágicas, los juegos y los cambios de sentido son una forma especial de ver el mundo”.
Escollemos como última lectura para este curso a antoloxía La rosa de los vientos. Anunciabamos que a rosa dos ventos sinala todos os rumbos e agardamos acertar con esta proposta de lectura... Para aqueles e aquelas de vós interesados no tema do amor, aquí están representados Bécquer ou Juan Ramón Jiménez; para amantes da liberdade, figuran textos emblemáticos como a Canción del pirata de Espronceda; quen ata agora pensase, erroneamente, que poesía e humor non casan ben, gozará lendo a Salinas e Gómez de la Serna... En fin, na ampla nómina de autores están tamén Neruda, Lorca, Antonio Machado, Alberti... Poesía de diversos tempos e culturas que queremos escoitar nas vosas voces. Animádevos a recitar!
Reunirémonos o día 8 de maio na Biblioteca, coma sempre. Boa lectura a tod@s!

jueves, 10 de abril de 2014

Quen matou ao can?


Pois si. Xa vedes. Alguén matou un can. E a medianoite. Nesta ocasión necesitamos a vosa axuda para descubrir ao cruel asasino de  Wellington, o caniche da señora Shears. Que quen é esta señora? Pois a veciña de Christopher, o neno de 15 anos que vive en Swindon. Seguides sen entender? Pois  ides ter que ler O curioso incidente do can a medianoite para chegar ao fondo do asunto.

Agárdovos o 12 de maio na biblioteca para falar de todo isto…e máis!

Atopamos un tesouro

Simbad o Mariñeiro, o Paulo da historia, resultou ser un auténtico loitador, abofé! Pero non é o único, nin moito menos. Dentro do noso Club quedou claro que temos valentes valentes... Nesta vida realmente hai filibusteiros amolando por todas partes, conque mellor termos os ollos ben abertos!
O “tesouro” desta novela de Francisco Castro quedou gardado dentro de cada un de nós, pero simbolicamente degustámolo en forma de piruletas que atopamos agochadas nun cofre. Haivos cousas ben curiosas!
E agora, que toca?
 Disque esta é unha copia da rosa dos ventos da carta náutica de 1504 do navegante portugués Pedro Reinel. É a primeira rosa dos ventos coñecida que representa claramente a flor de lis como símbolo do norte. Se vos fixades, a rosa dos ventos é un círculo que ten marcados arredor os rumbos en que se divide a circunferencia do horizonte. Nas cartas de navegación represéntase por 32 rombos unidos por un extremo, mentres que o outro sinala o rumbo sobre o círculo do horizonte e sobre este sitúase a flor de lis coa que se representa o norte. Ademais, a rosa dos ventos pode ser un diagrama que representa a intensidade media do vento en diferentes sectores do círculo do horizonte.
O curso vai camiño do remate, así que agora imos gozar coa poesía. A lectura para o mes de maio será a antoloxía titulada La rosa de los vientos, que nos sinalará poeticamente todos os rumbos.
Estade atentos ao blog!

martes, 8 de abril de 2014

Xuntanza de ardalén

O luns xuntámonos para poñer en común as nosas experiencias sobre a novela gráfica Ardalén. O certo é que o libro gustounos moito. Por unha banda os debuxos son incríbles, cada viñeta é unha obra de arte que podería estar colgada na sala de calquera museo, e aos que nos gusta facer algúns garabatos co lápis de cando en vez, motivounos para aprender mellor a técnica.
Por outra banda, a historia. Falamos dos personaxes,  da curiosidade  das persoas da necesidade de coñecer o noso pasado, de onde vimos. Tamén falamos da enfermidade, da vellez, da realidade e a fantasía… Non fixemos máis que falar pero foi moi enriquecedor para todos e  xurdiron datos e situacións persoais que descoñeciamos uns doutros a pesar de levar tantos anos xuntos. 
Animamosvos a tod@s a que leades e disfrutedes como xa o fixemos nós.

viernes, 21 de marzo de 2014

Nova proposta para 4º: Ardalén

Nova proposta e novo xénero.
Como andades tan atarefados e dicides que nos tedes moito tempo propoñemosvos ler unha obra con Premio. Trátase da última novela gráfica de Miguelanxo Prado: Ardalén.
Como? Que non sabedes quen é? Seguro que se xogara ao futbol saberíadelo. Non o coñecedes tanto pero tamén é internacional. Non gañou a liga  pero é todo un campión. O pasado mes de outubro concedéuselle o premio nacional de cómic pola obra que nós imos ler. Pero non é un recén chegado. Ten unha larga carreira e amplo recoñecemento tras del e aínda que creades que non o coñecedes é o creador do Xabarín e doutros personaxes da serie Os vixiantes do camiño da televisión galega. Tamén foi o xefe de debuxantes da serie Men in black, traballou con Spielberg e durante catro temporadas creou máis de 1700 personaxes para esta serie de animación. Ademáis é dende 1998 o director do salón do cómic Viñetas desde o Atlántico que enche de superheroes  as rúas de A Coruña todos os veráns. A que agora xa non é tan descoñecido? Se vos gusta a novela gráfica non deixedes de visitar o seu blog Papeles dispersos. Vaivos encantar!
Sobre Ardalén non vos dicimos nada. Lédeo, saboreádelo e o 6 de abril... falamos!

martes, 18 de marzo de 2014

Neruda

    Por fin xuntámonos para falar de poesía. Para achegarnos máis ao autor e a súa intensa e interesante vida, cada un de nós buscou un dato concreto da mesma, aproveitando os medios dos que dispoñemos na biblioteca escolar. E botando man deses mesmos medios escoitamos como o cantante Alex Ubago recitaba o poema XX. Así decatámonos de ata que punto cambia un texto, neste caso un poema, segundo quen lle poña voz.
Como vos gustou, aquí vos deixo a Alejandro Sanz recitando outro poema de Neruda


viernes, 7 de marzo de 2014

Chamádeme Simbad

http://franciscocastro.blogaliza.org/files/2012/01/chamademe_simbad.jpgSabedes que é a lista de honra do IBBY? Pois estas siglas (The International Board on Books for Young People) refírense a unha selección bienal de libros de publicación recente nos países membros da Organización e nela destácanse os escritores, ilustradores e tradutores que os realizaron. A consecuencia máis directa é unha maior divulgación e máis traducións. Pois ben, Chamádeme Simbad foi incluída na lista de honra do IBBY no 2012. Trátase dunha novela xuvenil escrita desde o corazón do seu autor, Francisco Castro. Nela atoparemos aventura, si, pero sempre desde a tenrura ao tratar o tema da enfermidade. Tamén haberá a súa dose de crítica, humor, soños... Xa veredes como conseguides descifrar o verdadeiro significado dunha “palabra fea”...
Neste enlace podedes escoitar un fragmento da novela na voz do seu autor:
www.ivoox.com/chamademe-simbad-audio-mp3_rf_409556_1.html
E neste outro, sabedes que coñecida actriz lles pon voz ás primeiras páxinas? Escoitade: www.ivoox.com/primeiras-paxinas-chamademe-simbad-audios-mp3_rf_379435_1.html
Ademais, se ides ao blog de Francisco Castro, franciscocastro.blogaliza.org, podedes ver unha entrevista que lle realizaron sobre Chamádeme Simbad na TVG, no programa ZigZag Diario.
Xuntámonos o 3 de abril. Boa lectura a tod@s!!

jueves, 6 de marzo de 2014

A mansión dos Pampín

Moito xogo deu a interesante proposta gráfica de A mansión dos Pampín, de Miguelanxo Prado. Entre os diferentes temas que comentamos, un papel moi destacado tívoo o feísmo urbanístico. Ao fío desta cuestión e a xeito de entretido puzle, organizamos os anacos de casas e construcións galegas tal como nos gusta velas. Así, si!
A chave dos libros segue dando paso a novas historias...Estade atent@s ao blog para saber da próxima lectura!

martes, 25 de febrero de 2014

Neruda... para marzo

E por segunda vez ... non lemos o que acordamos!
Non pode volverse un costume, eh?
Como tivestes moito traballo  imos aprazalo para o 17 de marzo, pero ... non falledes!

jueves, 30 de enero de 2014

Vaia risas con Marcovaldo!

Agora xa tod@s sabemos quen vén sendo Marcovaldo...Todo un personaxe!! Descubrimos ademais que os relatos de Calvino non deixan a ninguén indiferente e as súas historias dan para falar e falar e falar... O certo é que o tempo escapou non sabemos por onde. E é que tamén rimos moito nesta reunión. Xa se sabe, cando un o pasa ben, o tempo semella voar! 
As galletas que nos elaboraron na confitería Bahía con forma de coello foron un éxito total! 


http://multimedia.fnac.com/multimedia/ES/images_produits/ES/ZoomPE/2/9/7/9788485665792.jpgE así, saboreando aínda a sorpresa, anunciamos a próxima lectura para o 27 de febreiro: A mansión dos Pampín, de Miguelanxo Prado. Podedes consultar a sección cómic na web do autor: www.miguelanxoprado.com




miércoles, 15 de enero de 2014

Por fin... Tom Sawyer

Ainda que cun pouco de retraso tivemos a primeira posta en común do noso grupo.
Comezamos dando a nosa opinión sobre o libro e para ter un apoio visual na análise dos personaxes vimos un fragmento da serie de debuxos animados tan famosa nos 80. Isto deunos pé para falar de como imaxinabamos a cada un dos personaxes e tamén comentamos como cambiou a oferta audiovisual dirixida ao público infantil e xuvenil desde entón.

 E na próxima xuntanza... que?
Imos cun libro máis breve. Tamén cambiamos de xénero. E ímonos poñer algo románticos.  Coñecedes a Neruda e os seus 20 poemas de amor? E a canción desesperada?
Isto é o que vos propoñemos para o 24 de febreiro. Mesmo podedes aproveitalo para o día dos namorados, quen sabe?