lunes, 3 de marzo de 2008

Jerome D. Salinger





Jerome David Salinger (Nova York, 1919), fillo de emigrantes, a nai católica de orixe irlandés e o pai xudeu polaco, é un dos escritores norteamericanos máis misteriosos do século XX. Pouca cousa se sabe del, pois teno visto moi pouca xente. A penas si hai unha fotografía súa e, incluso, durante un tempo difundiuse o rumor de que non existía: non sería máis que unha tapadeira creada por un sindicato anónimo de escritores. O certo é que o seu reservado modo de vida ten contribuído en grande medida á creación desa figura fantasmagórica moi do agrado dos seus “fans” (durante a década dos 50 formáronse nos Estados Unidos varios clubs de adeptos ó fenómeno Salinger). Dende principios dos anos 60 vive recluído, coma un anacoreta, nunha casa solitaria nos bosques de New Hampshire, parece ser que dedicando o seu tempo ó budismo zen, ó vexetarianismo, á homeopatía e a contemplar a televisión. Na entrada da súa propiedade pode lerse un cartel ben revelador do seu caracter: “Prohibido pasar”.

Sábese que foi un alumno mediocre na adolescencia, que ós 15 anos entrou nunha academia militar, onde contemplou o tráxico suicidio dun dos seus compañeiros ó tirarse por unha ventá e que, despois dunha breve viaxe por Europa, inscribiuse con pouco éxito na Universidade de Columbia nun curso de literatura titulado “creative writting”. En 1945 foi mobilizado e participou posteriormente no desembarco de Normandía. En 1955 cásase con Claire Douglas, filla dun relevante crítico de arte, da que se divorciou 10 anos despois e con quen tivo unha filla, Margaret, e un fillo, Matt Salinger, que acabaría converténdose en actor de cine. A súa filla escribiu unha biografía sobre el na que non sae moi ben parado. Censúralle a mala vida que lle fixo pasar á súa nai. Desde o seu retiro da vida pública numerosos admiradores téñense achegado ós arredores da súa propiedade coa esperanza de ver ó enigmático Salinger. Eso si, frecuentemente no inverno, para aproveitar as facilidades que proporciona a falta de follas nas árbores.

Salinger ten escrito poucas obras. Parece que a súa producción é inversamente proporcional á súa xigantesca lenda. Unha soa novela: O vixía no centeo (1951), Nove contos (1953) e, máis tarde, entre 1961 e 1963, tres relatos pensados como partes dunha nova novela: Franny e Zooey, Levantade carpinteiros a viga mestra e Seymour: unha introducción. De entre estes escritos o máis célebre e, segundo moitos críticos, a obra mestra da literatura americana da súa xeración, é sen dúbida a novela. Aquí describe a sensibilidade, a vida social e a atmosfera do seu tempo a través da historia dun rapaz, Holden Caulfield, que ó ser expulsado dun centro escolar vaga durante tres días polas rúas de Nova York. Trátase dun personaxe no que se recoñeceron miles de estudiantes americanos, e co que se pode identificar calquera adolescente que estea pasando polo duro tránsito psicolóxico que supón descubrir a hipocrisía, mentira e inxustiza na que viven os adultos, tan afastados das fantasías heroicas que envolven a inocencia da infancia. Despois de ter lido esta novela moitas xeracións de entusiastas viviron e viven esperando aínda unha nova novela de Salinger.

No hay comentarios:

Publicar un comentario