miércoles, 14 de enero de 2009

MARK TWAIN

Mark Twain foi o pseudónimo que utilizou en boa parte da súa obra o escritor estadounidense Samuel Langhorne Clemens (1835-1910). A escolla tivo que ver coa súa biografía, pois con só catro anos trasladouse da aldea natal (Florida, en Missouri) a un porto fluvial no Mississippi chamado Hannibal. Pois ben, neste río onde o autor traballou un tempo como piloto dun barco de vapor, a expresión mark twain significa “dúas brazas de profundidade”, isto é, o calado mínimo para unha boa navegación.

Twain non sempre o tivo doado para saír adiante, así que á ocupación como piloto hai que engadir outras non menos curiosas como as de aprendiz de imprenta e logo tipógrafo, soldado confederado, buscador de ouro e conferenciante, ademais de xornalista.

A andaina como escritor de sona comezou coa publicación do conto “A ra saltarina do condado das Caveiras”, unha historia que escoitara contar nas minas de ouro de California. As súas viaxes por Europa e Terra Santa inspiraron Os inocentes no estranxeiro (1869), libro no que fai burla dos aspectos de Europa que causaban impresión nos turistas estadounidenses e onde se mofa do provincialismo pailán dos seus concidadáns. Seguirían outros títulos como: Unha vida dura (1872), As aventuras de Tom Sawyer (1876), Un vagabundo no estranxeiro (1880), Príncipe e mendigo (1882), Vida no Mississippi (1883), Un ianqui na corte do rei Arturo (1889) e a secuela de Tom Sawyer, As aventuras de Huckelberry Finn. Esta non foi a súa última novela, pero é considerada unha obra mestra. En realidade, nas décadas de 1870 e 1880, un período marcado pola felicidade de compartir a vida co seu grande amor, Olivia Langdon, escribiu a maior parte das súas mellores obras.

Os lectores e os críticos destacan o seu humor franco, ás veces irreverente, e o realismo tanto na localización espacial das historias coma na linguaxe empregada polos personaxes. Ademais, a escrita de Twain deixa ver o seu profundo odio pola hipocrisía e a opresión, aspectos que retratan a sociedade estadounidense de mediados do século XIX.

A mala sorte pareceu perseguilo no ámbito dos negocios e o infortunio tamén levou por diante a varios dos seus seres queridos. Con todo, polo que respecta á súa profesión de escritor, foi considerado unha celebridade mundial nos últimos anos da súa vida e mesmo recibiu o doctorado Honoris Causa pola Universidade de Oxford.

No hay comentarios:

Publicar un comentario