martes, 8 de abril de 2008

Robert Louis Stevenson

Stevenson, a quen de cativo chamaban familiarmente “Smout” (co significado de peixiño), foi enfermizo desde neno. Con todo, os seus problemas de pulmón non lle impediron viaxar por todo o mundo, ás veces mesmo forzado para buscar climas máis suaves e saudables.

O autor escocés naceu ás aforas de Edimburgo, na cidade nova, en 1850. Unha das persoas que máis influirían nel foi a enfermeira que o coidaba, “Cummy”, pois ela alimentou a súa imaxinación contándolle historias da Biblia e da historia escocesa. O neno Stevenson probou sorte seguindo os pasos do seu pai e avó, pero a enxeñería non estaba feita para el. Tampouco a avogacía, pois rematou a carreira pero nunca exerceu. En realidade, sempre desafiou as convencións da sociedade de clase media de Edimburgo. Mesmo se conta como marchou á cidade vella co seu abrigo de veludo buscando os ambientes bohemios e a aventura. Stevenson dicía que tiña outros plans para a súa carreira, que quería ser escritor, como así foi.

Falando de bohemia, dise que un dos lugares onde máis feliz se sentiu foi a colonia de Grez, en Francia. Ademais, alí coñeceu a súa futura muller, Fanny Vandegrift Osbourne, unha americana que viñera a Francia para estudar e fuxindo dun matrimonio infeliz. A Stevenson custoulle un pouco convencela para casar con el, pero á fin conseguiuno en 1880. Parece ser que, algo amoucado e sen esperanzas porque ela regresara ós Estados Unidos, Stevenson realizou en 1878 unha das súas viaxes memorables a través dos Cévennes do Macizo Central francés, acompañado unicamente do burro Modestine… Logo disto embarcouse cara a América para convencer a Fanny de que casasen. Desoíu os consellos dos amigos, que vían que viaxar alí non era bo para a súa saúde e temían que os seus pais descubrisen que en realidade non estaba en Londres. Así e todo, Fanny foi a súa muller e aportou á nova familia un fillo do seu anterior matrimonio. Curioso foi o destino da súa viaxe de lúa de mel: hospedáronse nunha cabana de mineiros abandonada en California. Toda unha aventura…

O autor escocés está enterrado nunha illa de Samoa, Vailima, onde pasou os últimos anos, tras mudar de residencia en moitas ocasións por motivos de saúde, e onde se implicou coa cultura e política locais. Os nativos da illa chamábanlle Tusitala (“o que conta contos”). Infelizmente, “Tusitala” deixou de viaxar coa imaxinación moi novo, pois morreu en 1890, con só 40 anos…

No hay comentarios:

Publicar un comentario